Barrio do romanticismo

Obelisco de Cantón Grande na Coruña

Veiga Iglesias, (Mondoñedo 1842 - Madrid 1906)

Pascual Veiga Iglesias (Mondoñedo, 9 de abril de 1842 - Madrid, 12 de xullo de 1906), foi un compositor e músico precoz, autor da popular Alborada e da música do Himno de Galicia, e figura destacada do Rexurdimento Galego.
Na súa cidade natal toma un primeiro contacto coa música, sendo admitido en 1852 como Neno de Coro na Catedral mindoniense, baixo a dirección de José Pacheco Basanta. Dende 1856 toma clases de órgano con Tomas Burón e Rafael Tefall. Con trece anos imparte clases de solfexo na capela catedralicia e posteriormente de harmonía. Desa época é a súa primeira composición, un Septenario a la Virgen de los Dolores.
En 1864 trasládase a A Coruña, onde o cabildo da Colexiata o admite como organista.
Gran parte da súa produción relixiosa é do ano 1875. Destacan pezas como a súa Misa de Réquiem (a catro voces e órgano), o Te Deum (a tres voces e órgano) numerosos vilancicos.
En 1877 obtén co Orfeón Brigantino o primeiro premio de interpretación nun certame coa obra El Amanecer.
En 1878 funda o Orfeón Coruñés. No certame literario e musical convocado pola Sociedade dos Xogos Florais de Pontevedra, en 1880, presentou co Orfeón Brigantino a peza titulada Alborada Gallega, coñecida como Alborada de Veiga, espertando gran admiración en Galicia, e convulsión entre o galeguismo da diáspora.
En 1882 crea El Nuevo Orfeón, que pouco despois se chamaría El Eco.
En 1896 se traslada a Madrid ao ser nomeado profesor do Conservatorio Nacional de Música. Ao ano seguinte dirixe o Orfeón Matritense e o Orfeón do Centro Galego en Madrid.
Morre en Madrid o 12 de xullo de 1906; seis meses máis tarde se estrearía o Himno Galego no Gran Teatro de La Habana.
Os seus restos repousan no cemiterio antigo de Mondoñedo, baixo un monumento e sepulcro sufragado polos Galegos da emigración. Nel se pode ler: “Homenaxe a Pascual Veiga, autor de la Alborada”, e debaixo unha mención á diáspora galega en Buenos Aires, que sufragou o monumento.
O seu fillo, José Adolfo Veiga Paradís, foi tamén compositor.

Redacción e edición

Xairo Calvo Pérez, Artur Infante Docampo, CPI Monte Caxado, As Pontes (A Coruña), curso 2012-2013.
Bibliografía /Bibliography:
Cañada, Silverio (editor): GRAN ENCICLOPEDIA GALLEGA. Gijón: 1974.
http://www.amigosciudadmondonedo.org/index.php?option=com_content&view=article&id=58%3Apascual-veiga&catid=39%3Asus-gentes&Itemid=62&lang=es